Startups R: Qubiotech Health Intelligence, software ao servizo da medicina


Startups R: Qubiotech Health Intelligence, software ao servizo da medicina


Startups de R Qubiotech


Seguimos coñecendo as historias que se atopan detrás do programa de startups de R. O noso obxectivo é fomentar o crecemento de empresas tecnolóxicas galegas de recente creación. E hoxe coámonos en Qubiotech Health Intelligence para que nos conten o seu traballo no desenvolvemento de software de análise e procesado de imaxe médica.

A misión de Qubiotech é desenvolver produtos innovadores que convertan a investigación avanzada en imaxe médica en ferramentas útiles que faciliten a práctica clínica diaria.

Para contextualizar, a neuroimaxe é a técnica máis empregada para o diagnóstico de enfermidades neurolóxicas como o párkinson, diferentes demencias como o alzhéimer, ou a epilepsia. Esta compañía coruñesa de biotecnoloxía pretende mellorar o futuro de todos. E o seu CEO, Daniel Fernández Mosquera, cóntanos como.


– Como xurdiu a idea de afondar na investigación da imaxe médica?

Qubiotech é unha startup radicada na Coruña, dedicada ao desenvolvemento e comercialización de novas ferramentas tecno-informáticas de post-procesado e análises de imaxe médica orientadas á práctica clínica, co obxectivo de mellorar o diagnóstico, tratamento e seguimento dos pacientes.

A compañía constitúese o 19 de decembro do 2014, a partir da transferencia dun algoritmo desenvolvido polo Grupo de investigación en Medicina Nuclear e Imaxe Molecular da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, asociado ao Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, e transferido á compañía.


– Que beneficios ten?

Neurocloud é unha plataforma online dedicada ao procesado de imaxe médica como axuda no diagnóstico de enfermidades neurolóxicas. É unha ferramenta de uso inmediato, diario e accesible, para incorporar a cuantificación de imaxes na rutina de diagnóstico. A análise das imaxes é totalmente automática, non necesita de aprendizaxe nin de recursos adicionais para obter o resultado e posúe a marcado CE que habilita o seu uso como produto sanitario.


– Fálanos sobre como funciona a plataforma online Neurocloud

Neurocloud procesa na nube as imaxes adquiridas con calquera escáner PET, SPECT, RM e TAC de maneira totalmente segura xa que as imaxes se anonimizan durante o proceso de subida á plataforma. En poucos minutos ofrece ao médico os resultados da análise cuantitativa e a localización das zonas anormais do cerebro do paciente grazas á comparación con bases de datos de individuos sans.


Startups R Qubiotech image


– Que acollida ten entre o persoal médico e investigadores?

Levamos un ano presentando Neurocloud- PET nos servizos de Medicina Nuclear de hospitais españois e portugueses e a acollida é moi positiva. En xeral, os médicos visitados destacan a sinxeleza do seu uso e a utilidade clínica que ten o dispoñer de ferramentas que lles axuden a localizar as zonas de funcionamento anormal do cerebro.


“Os médicos visitados destacan a sinxeleza do seu uso e a utilidade clínica que ten o dispoñer de ferramentas que lles axuden a localizar as zonas de funcionamento anormal do cerebro.”


– Cales son os vosos próximos retos?

Actualmente abrimos unha rolda de financiamento para comercializar Neurocloud en Europa e EE. UU. Ademais, temos varias liñas de I+D en marcha con prototipos funcionais que incorporan tecnoloxías de deep learning, o que nos permitirá ofrecer servizos de maior valor clínico, como son os sistemas de soporte á decisión.


– Que foi o máis difícil neste camiño? 

Todo é difícil cando se trata de introducir un produto innovador nunha contorna tan regulada e lenta en canto aos cambios como é o dos hospitais. Con todo, destacaría a dificultade de conseguir un equipo como o que temos e implantar e manter procedementos de calidade e desenvolvemento tan esixentes como os que se requiren para o desenvolvemento de produtos sanitarios.


– Cal foi o motivo para entrar a formar parte do programa startups R?

A posibilidade de estar na órbita dunha empresa tan sinalada como R é sempre un aliciente para participar en programas deste tipo, ademais o ter servizos de telecomunicacións de maneira gratuíta sempre axuda ás startups, que sempre buscamos a maneira de reducir custos.


– Que vos achegou o programa ata agora?

Os servizos de telecomunicacións que necesitamos para unha empresa cun alto grao de I+D como a nosa.

Dende aquí desexámoslles moita sorte porque o seu traballo é de grande axuda para todos


https://blog.mundo-r.com/gl/empresas-r/startups-r-qubiotech-health-intelligence

Escrito por José Manuel el 05/10/2018